30/3/09

A AUGA

1.100 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable. É necesario concibir a auga como Dereito Humano. Hai que inverter en infraestruturas. É necesario un 'reforzo institucional' na xestión dos recursos hídricos e a sensibilización do Norte coa problemática.

"O cambio poderase producir só no momento no que exista unha demanda social de cooperación ao desenvolvemento; só así haberá posibilidades de que aumente o interese político ao respecto"


Na súa conferencia en A Coruña sobre "Auga, pobreza e desenvolvemento humano. ¿Crise hídrica?", Jorge Molinero, Presidente en España de la Asociación internacional de Hidrogeólogos e membro de Enxeñaría Sin Fronteras, abordou as relacións existentes entre estes tres parámetros, nunha situación actual "de desequilibrio" na que a pesar da abundancia de recursos hídricos "1.100 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable e 2.600 millóns de persoas non dispoñen de acceso a saneamento".

"A distribución xeográfica da auga e a da riqueza encerran os mesmos problemas de irregularidade". Con esta sentenza comezou unha intervención centrada en mostrar a realidade da problemática da auga nos países subdesenvolvidos e a súa relación cos índices de pobreza.

Unha crise de xestión de acceso, non de escaseza

Molinero quixo deixar constancia de que "se existe unha crise de auga é de abastecemento, posto que hai millóns de persoas que non teñen acceso a auga potable; un problema polo tanto non de cantidade, senón de acceso. A crise está na gobernabilidade; é de xestión, de transparencia, de infraestruturas, pero non de escaseza", matizou.

Apoiándose en numerosos datos sobre 'recursos hídricos superficiais'' e 'dispoñibilidade per cápita' de auga, Molinero estableceu a ausencia dun problema de recursos, e explicou que Latinoamérica e África teñen -en contra do que poida parecer- máis dispoñibilidade de recursos hídricos que Europa.

Molinero fixo especial fincapé na grande cantidade de auga que existe no mundo: "1.368 millóns de quilómetros cúbicos, dos cales o 97% é auga salgada, o 1,7% xeo e o 0,8% é auga doce líquida, isto é, a aproveitable polo ser humano". Explicou como "dese 0,8% só o 0,0001% é accesible, e aínda así segue sendo unha enorme cantidade, porque en realidade hai moitísima auga".

Auga e Índice de Desenvolvemento Humano

Ao respecto dunha relación entre a cobertura de abastecemento e saneamento de auga e o mapa de Índice de Desenvolvemento Humano sinalou que os mapas duns e outro son idénticos. Desta forma explicou unha tendencia global á correlación entre o abastecemento/saneamento co devandito índice: "canto máis alto é o ranking de desenvolvemento humano, máis alto é o ranking de abastecemento e saneamento de auga".

Pobreza hídrica

Sinalou á súa vez a correlación entre o Índice de Desenvolvemento Humano e o de Pobreza Hídrica, que é practicamente o mesmo. "A pobreza hídrica dun país si depende do seu grao de desenvolvemento, non en cambio dos recursos hídricos dispoñibles". Explicou que a medición da pobreza hídrica se opera baseándose en diversos compoñentes: recursos, acceso, capacidade, uso e medioambiente. Indicou que existe tamén unha correlación, esta vez "logarítmica", respecto ao PIB dun país e ás posibilidades de acceso á auga: "cun mínimo aumento do PIB, aumentaría moitísimo o acceso". Na mesma liña, sinalou que o uso da auga é eficiente cando é baixo, e ineficiente cando é alto. Na relación co medio destacou a "mala correlación" que deriva da dependencia da pobreza hídrica co medio, ao que engadiu: "existen unha serie de países que melloran o seu PIB a custa de prexudicar o medio", pero ao mesmo tempo resulta lóxico que estes países (pobres) queiran crecer a custa do que sexa.

"Non haberá nunca guerras a causa da auga"

Por outro lado, o voluntario de Enxeñaría Sen Fronteiras -que traballa sobre todo en proxectos de varios países africanos- botou por terra o discurso alarmante que emana dende distintas frontes, entre eles a política, e que falan de "guerras pola auga". Sinalou como ata o mesmo Kofi Annan chegou a dicir en 2001 que "a fonte principal de conflitos e guerras no futuro será a auga", ao que respondeu que "se"poderán ter conflitos e unha utilización política da auga, pero non guerras". De feito explicou como "a necesidade de beber é moitas veces un punto de encontro nas guerras", apuntando o caso de Paquistán e a India.


Liña das actuacións
Jorge Molinero expuxo boa parte da filosofía de Enxeñaría Sen Fronteiras para orientar solucións ao problema do acceso e xestión da auga nos países pobres: "a auga é un Dereito Humano, non hai que aplicar o concepto de 'caridade': hai que rematar coa concepción de esmola neste asunto".

Investimento, profesionalización, capacitación

Neste sentido acusou a falta de "investimentos en infraestruturas mínimas para poder ter acceso a auga e a saneamento", que deben ademais orientarse a unha profesionalización. Investimentos que ao mesmo tempo son necesarias pero insuficientes e que teñen que ir acompañados dunha capacitación técnica local".

Neste sentido resaltou a importancia de inverter en primeiro lugar en capital social (consultores, axentes de desenvolvemento especializados): "xente capaz de crear unha dinámica de desenvolvemento sostible e achegar un clima de confianza nas poboacións".

Desenvolvemento integral, reforzo institucional
Por outra parte Molinero lamentouse de que "non todos os proxectos de desenvolvemento teñan asociadas liñas de traballo social". E sinalou ademais que as actuacións de desenvolvemento teñen que ser concibidas de xeito integral: "non se trata de facer caridade, senón de crear un sistema con garantías de sostenibilidade e un reforzo institucional con capacidade de desenvolver o seu poder e de impoñer unhas normas" ('gobernanza').

Educación en prácticas de hixiene

Indicou tamén a urxente necesidade dunha "educación en prácticas hixiénicas", facéndose eco de casos frustrados como o de Tanzania, no que a pesar do éxito técnico houbo un fracaso social ao non mellorar os indicadores de mortalidade infantil: ao faltar a educación "os animais beben do mesmo cubo, da mesma fonte, que as persoas, e de aí que as enfermidades gastrointestinais, malaria e outras, non descendan". E sinalou por último a necesidade de que as actuacións sexan acompañadas cunha liña de sensibilización cidadá.


Sensibilización

Ao tempo que acusou de "ridículo" o 0,4% da axuda española para a erradicación da pobreza, o membro de Enxeñaría Sen Fronteiras sinalou que é a partir da concienciación da sociedade de onde pode xurdir o cambio: "no momento no que haxa unha demanda social de cooperación ao desenvolvemento haberá posibilidades de que aumente o interese político ao respecto", e por ende, a axuda.

No hay comentarios: