9/5/09

Letras Galegas 2009.


Letras Galegas 2009,adicado a Ramón Piñeiro

O escritor Ramón Piñeiro será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do próximo ano. Nado en Láncara en 1915, Piñeiro influenciou todas as xeracións galeguistas de posguerra. Teorizou e practicou unha resistencia cultural á ditadura. Ensaísta e tradutor, morreu en Santiago en 1990.
Dende a RAG sinalaron que “a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galiza e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutíbel e necesaria cara ás novas xeracións”.
Os seus traballos sobre pensamento e filosofía, as súas traducións en colaboración con Celestino Fernández de la Vega das obras de Pokorny e Heidegger, “supuxeron no seu momento un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua 'rural e poética' na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra”.



Por: 1 ESO.B

O seu labor ensaístico recollido parcialmente nos libros Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas, e Lembrando a Castelao recollen os eixes fundamentais do seu pensamento, que salientan a necesidade da reafirmación cultural de Galiza como camiño fundamental para a súa realización como pobo.
Normalización da lingua
Ramón Piñeiro López tamén actuou como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra. Así, son numerosos os artigos e as actividades neste campo, entre elas, a publicación do Dicionario Enciclopédico de Don Eladio González (1958-1961).
No 1967, Ramón Piñeiro foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e defendeu un discurso que levou por título 'A linguaxe e as linguas'. De acordo co seu defensa da cultura galega, participou na creación do Consello da Cultura Galega no ano 1983, do que foi o seu primeiro presidente até o seu falecemento en 1990.

Tamén influíu na normalización política do galego, facendo da lingua "un patrimonio común" por encima das opcións de partido. Finalmente, destacou polas súas conversacións, a súa correspondencia epistolar dentro e fóra de Galiza, e coa mocidade e con toda persoa que tivese Galiza como referente das súas actividades ou ideais.

Este galeguista dálle nome ao Centro de Investigación en Humanidades 'Ramón Piñeiro', que depende da Xunta de Galicia e realiza estudos vinculados coa cultura e a lingua galega.

No hay comentarios: